Thursday 25 de April de 2024

A Xunta mantén o compromiso coas entidades veciñais cun investimento de 3M€ destinados a garantir a súa actividade


― O delegado da Xunta reuniuse hoxe con asociacións de veciños de Noia para animar aos seus representantes a solicitar estas axudas

― Anunciou que estes apoios do Plan específico de acción comunitaria para asociacións de veciños e de mulleres rurais, e para comunidades de usuarios de augas están abertas desde o pasado 18 de xaneiro

― Esta convocatoria vai dirixida a sufragar obras nos locais sociais destas entidades e a reparación das traídas de augas comunitarias, así como a adquisición de equipamentos

― Un total de 224 colectivos beneficiáronse destas subvencións na comunidade o ano pasado

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, reuniuse con representantes de varias asociacións de veciños Noia para animar aos seus representantes a solicitar as axudas do do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais -incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais que están abertas desde o pasado 18 de xaneiro e que estarán abertas ata o 17 de febreiro.

A Xunta manterá a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos. De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas.

O representante do Goberno galego destacou que o obxectivo é mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, tendo en conta que estas asociacións son as entidades máis próximas á cidadanía para atender e canalizar as súas demandas.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 19 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Da nova convocatoria poderán beneficiarse as asociacións veciñais ou de mulleres rurais inscritas debidamente no rexistro de asociacións da comunidade central ou provincial e as comunidades de usuarios de augas rexistradas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

Liñas de apoio
Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.